A utilidade do inútil
O
ano 2016, coa imposición da LOMCE, pasará á Historia como o ano en que
Letras e Ciencias ficaron definitivamente separadas en aras dunha
demagóxica calidade de ensino só para uns poucos, ao servizo dun
progreso mal entendido que ao parecer só pode ser acadado a través do
comercio, do diñeiro, polo tanto das contas, das matemáticas, é dicir,
das ciencias. Así que, as letras non serven para acumular riquezas e o
tempo é demasiado precioso como para perdelo en especulacións ociosas,
polo tanto as letras son asuntos menores para entreter aos que non saben
de matemáticas. As letras non son útiles e todo o que non é útil
desprézase.
O ano 2016 tamén é o ano da celebración do 24 centenario do nacemento de
Aristóteles, para uns "o filósofo", para outros "o científico". Porque
Aristóteles practicaba a curiosidade, que resolvía a través das
disciplinas científicas e, despois, extraía as implicacións filosóficas
das mesmas. Por unha parte, Aristóteles rexeitou o vacío e defendeu a
finitude do universo, concepción que os partidarios actuais de certos
modelos cosmolóxicos nunca poderán desprezar como fan coa infinitude do
espazo de Newton. Por outra parte, Aristóteles ensinounos a percibir a
causa da emoción que provoca a representación tráxica. Mesmo nos axudou a
entender, coas súas reflexións ético-políticas, as tremendas
consecuencias da ausencia de xustiza social.Hoxe, a ciencia volve aos grandes interrogantes filosóficos: cal é o
papel do home e da muller no entorno natural?, por exemplo. Así que
volvemos a Aristóteles e a Filosofía volve á súa orixe. Pois a
Humanidade segue desexando coñecer e simbolizar.
En consecuencia, unha educación que non queira ser só instrución, deberá ter como obxectivo: pensar en liberdade.
A liberdade era considerada por Aristóteles como condición da
realización do ser humano, polo que a condición de escravo equivalía
para el a ser repudiado pola humanidade. Con el aprendeu Marx que o
traballo escravizante é deshumanizador. Só cando as necesidades
primarias están satisfeitas (comida, casa...) procura o ser humano o
coñecemento, saber por saber, sen procurar ningún proveito material.
Neste sentido a Filosofía é unha ciencia libre, pois o seu único
obxectivo é ela mesma. Unha educación guiada por este principio
permitirá que os individuos recuperen o espírito curioso da súa infancia
arredor das humanas cousas. Nenos e nenas fanse interrogantes
continuamente, pois todo o que lles rodea os sorprende. Ese é o primeiro
motor da Filosofía.
FONTE: Aristóteles nos enseñó a pensar. EL PAÍS, 28/05/16
A UTILIDADE DO INÚTIL
Nuccio Ordine
Doe ver triunfar nas televisións e nos medios novas representacións do
éxito, encarnadas no emprendedor que logra crear un imperio a base de estafas,
ou no político impune que humilla o Parlamento obrigándoo a votar leis ad personam. Doe ver homes e mulleres
entregados a unha tola carreira cara á terra prometida de ganancias, onde todo
canto os circunda non suscita interese ningún. A vista fixada na meta
perseguida xa non permite gozar dos pequenos xestos cotiáns nin descubrir a
beleza que latexa nas nosas vidas: nun solpor, nun ceo estrelecido, na
delicadeza dun beixo, nunha flor ao abrir, nunha bolboreta ao voar, no sorriso
dun rapaciño. Pois, a miúdo, onde se percibe mellor a grandeza é precisamente
nas cousas máis simples.Se non se comprende a utilidade do
inútil, a inutilidade do útil, non se comprende a arte. Os auténticos poetas
saben ben que soamente lonxe do cálculo e da présa é posible cultivar a poesía.
Ser artista significa: non calcular nin numerar; madurar como a árbore, que non
impele a súa saiva e, confiada nas tempestades da primavera, permanece sen o
medo a que despois non puidera vir ningún verán. Os versos non se someten á
lóxica do útil. De feito, o inútil é necesario para tornar todo máis fermoso.
Necesitamos o inútil como
necesitamos as funcións vitais esenciais para vivir. A poesía, a necesidade de
imaxinar, de crear, é tan fundamental como a de respirar. Respirar é vivir e
non evadirse da vida. Sobre todo nos momentos de crise económica, cando as tentacións
do utilitarismo e do máis aveso egoísmo semellan ser o único camiño e a única
áncora de salvación, cómpre entender que xusto as actividades que non serven
para nada poderían axudarnos a fuxir da prisión, a salvarnos da asfixia, a
transformar unha vida plana nunha vida fluída e dinámica, guiada pola
curiosidade respecto ao espírito e as humanas cousas.
Non esquezamos que, na escala dos
seres, só o home realiza actos inútiles. Un mundo sen literatura sería un mundo
sen desexos nin ideais nin desacatos, un mundo de autómatas privados do que fai
que o ser humano sexa de veras humano: a capacidade de saír de si mesmo e
mudarse noutro, noutros, modelados coa arxila dos nosos soños.
Toda arte é completamente inútil. A
obra de arte nace por nacer. Non pide que a traian ao mundo, aínda que despois
a sociedade se apodere dela; pois a obra de arte pode cumprir ou non unha
función social. Se a arte serve para algo, debe servir para ensinarlle á xente
que hai actividades que non serven para nada pero que é indispensable que
existan.
Habería que preguntarse por que,
xusto no momento en que a barbarie colle a dianteira, a ira do fanatismo
diríxese non só contra os seres humanos, senón tamén contra as bibliotecas e as
obras de arte, contra todas as cousas inútiles e inermes, silenciosas e
inofensivas, mais percibidas como un perigo polo simple feito de existiren.
As causas que produciron a
decadencia da elocuencia e do saber (das artes) foi a ansia de riquezas, que
leva á humanidade á escravitude. O amor polo diñeiro é unha doenza que
empequenece o ánimo. Por iso dicía Italo Calvino que o inferno dos vivos non é
algo por vir; se hai un, é o que está xa aquí, o inferno que habitamos todos os
días, que formamos estando todos xuntos. Hai dous xeitos para non sufrilo: ou
ben aceptar o inferno e volverse parte del ata o punto de non velo xa; ou ben
buscar e saber recoñecer quen e que cousa, no medio do inferno, non é inferno,
e facela durar, facerlle sitio.
En consecuencia, a única
posibilidade de conquistar e defender a nosa dignidade de homes e mulleres
ofrécennola precisamente a cultura e unha educación libre.